A Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) renovaron a súa colaboración mediante un convenio que contempla unha achega de 171.783,36 euros para financiar dous contratos predoutorais durante tres anos.
A iniciativa está dirixida a investigadores en formación matriculados en programas de doutoramento da USC e permitirá impulsar proxectos científicos en áreas como a agricultura sostible, a produción vexetal, a saúde e produción animal, a seguridade alimentaria, a xestión forestal, a biodiversidade e o desenvolvemento do medio rural. Tamén se contempla a posibilidade de realizar estadías en centros de investigación nacionais e internacionais.
O acordo formalizouse onte en Lugo, nun acto no que participaron o presidente da Fundación, Tomás Notario; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande, e a directora do Campus Terra, Marta Miranda, entre outros representantes.
Con esta colaboración, ambas as entidades buscan favorecer a formación de novos investigadores e reforzar a actividade científica en sectores estratéxicos para o desenvolvemento económico e social de Galicia.