O prezo medio dos produtos lácteos na segunda poxa de outubro de Fonterra situouse en 4.021 $/tonelada. O índice xeral aumentou un 2,5 % con respecto á poxa anterior e encadea dúas subidas consecutivas durante este mes.
Con este resultado, o prezo medio dos produtos lácteos volve superar a barreira dos 4.000 dólares por tonelada, un nivel que non acadaba desde comezos de xuño. En concreto, na poxa do 2 de xuño situárase tamén en 4.021 $/tonelada, antes de manterse por debaixo dese limiar durante os meses seguintes.
Entre os principais produtos analizados, destacou o leite enteiro en po, cuxo prezo aumentou un 4,4 %, ata os 3.760 $/tonelada. Tamén evolucionou á alza o leite desnatado en po, cun incremento do 3,4 %, que situou o seu valor en 3.975 $/tonelada, mentres que a mozzarella avanzou un 1,3 %, ata os 3.880 $/tonelada.
Pola contra, o cheddar reduciu o seu prezo un 7,4 %, ata os 3.645 $/tonelada, e a manteiga descendeu lixeiramente, un 0,4 %, situándose en 4.721 $/tonelada.